La versión de su navegador no está debidamente actualizada. Le recomendamos actualizarla a la versión más reciente.

A  REXENERACIÓN  DA  IDENTIDADE

“Corpo de Antiochía” revélase como un poemario feito viaxe. Un espazo para a reflexión sobre a reconstrucción dun ámbito físico pero que vai máis alá da man de Tamara Andrés, adentrándose nun devir íntimo de descuberta da persoa e dos seus procesos de evolución.

 

“O que non se nomea non existe”. Afirma Tamara Andrés no interior de “A Auga”, un dos poemas chave deste “Corpo de Antiochía” que editado por Galaxia dentro da súa colección Dombate, lévanos a afrontar un proceso de construcción íntima a través da afoutada metáfora da cidade de Antiochía. Histórico cruce de civilizacións, construída, derruída e de novo ergueita, unha e outra vez. Unha visión especular que serve a Tamara Andrés para dar un salto de madurez na súa aínda recenté traxectoria na escrita, e que deixa abertas as portas a un futuro que teima en chegar.

Convértese así esa imaxe da cidade situada na actual Turquía nun poderoso faro fronte ao que esta poeta actúa como unha serea que xorde do mar para, co seu canto, evocar o paso do tempo e a súa pegada na pel dos que hoxe somos protagonistas doutro tempo tan afastado daquel. Nesa pel póusase como se fose un compás un poemario preciso tamén para termos consciencia do noso eu.

O primeiro que nos chama a atención é esa afouteza da linguaxe, a capacidade por prescindir do sobrante, nun proceso de depuración que case sempre adoita ser o máis complexo para o escritor que sabe dese compromiso para chegar á cerna das cousas. Agora queda á segunda parte do trazo, o de ser quen de artellar con esas poucas palabras un discurso no que se conteñan as pretensións do creador e que estas sexan palpábeis para o lector. E isto acádao Tamara Andrés cuns poemas contundentes nos que se rastrexa ese ronsel da forza que ese proceso cíclico de construcción e destrución foi devalando nos séculos. Agora ese tempo é o noso, e todo o que semella un devir histórico contense no noso eu. A poeta é quen de facernos conscientes dende a palabra, sempre a palabra que nomea o que existe, de que ese proceso se dá de xeito constante no noso interior, entendidos os nosos corpos tamén como ciudades de ida e volta, cheas de bos e malos momentos, de incertezas e loitas fronte ao exterior, de procesos que nos poñen ao límite pero dende o que tentar albiscar novos horizontes.

O poemario condúcese por todo ese itinerario: A extinción, o desterró e o retorno. No primeiro céntrase na ausencia de beleza, a súa perda como cegueira da sociedade que precisa desa beleza como rexistro atemporal: “A fame da memoria”, escribe a autora. Non se pode dicir mellor, memoria en cuxa ausencia se impide o camiñar. No desterró xorden as dúbidas: “Como miranos ?/ onde nos deter ?”. É o desacougo, o derrumbamento do eu, a dor, o percorrido polo descoñecido, entendido como incerteza. Un tránsito que aínda que nese intre non o pareza serve para sementar o futuro, esa nova etapa convertida en retorno, a redescuberta do que somos, de novo o eu como lugar no que deterse, o faro que alumea a nosa contorna, alí onde bater a nosa individualidade fronte ao colectivo.

Imos, polo tanto, con cada páxina debullando ese eu, sempre a partir da metáfora colectiva, esfolar a nosa identidade, capa a capa: “Disque a ferida sempre cicatriza/ e que a dor nace para o remedio/ mais o proxectil do berro/ non deixa/ aquí/ estanque/ entre os beizos”. A destrucción e o remedio: A reconstrucción da identidade. Escoitamos un novo canto da serea, o da identidade, unha das cernas do poemario, a capacidade para a rexeneración desa identidade en canto o que somos fronte ao conxunto de individuos. Un corpo no que se pousan as cronoloxías, as maneiras de mirar, o físico e o simbólico.

Dende ese corpo escribe Tamara Andrés, dende ese eu medran os versos precisos para enfrontármonos cun espello en forma de mar. Un espello que non é, como a nosa identidade tampouco ten a precisa estabilidade, móvendose entre ondas axitadas incapaces de ter a calma necesaria para vérmonos, para recoñecérmonos. (Ramón  Rozas).

 

A T E N E O    C O R R E D O I R A    A. C. 

Concurso de Cabazas
 
 
 
 
 
 
Poden tomar parte no mesmo, tódolos rapaces que queiran presentando unha cabaza nas instalacións do Ateneo ata o martes 31 de outubro incrusive. Tódalas cabazas presentadas serán expostas públicamente na sala de exposicións Jerónimo López da Entidade ata o domingo 5 de novembro.
Haberá 3 premios de 25,00 €, un por modalidade ou categoría a concursar que serán: Orixinalidade - Elaboración e Deseño.
A entrega de premios terá lugar o domingo  5 de novembro ás 17.00 h.

Magosto Popular
 
 
 
Conxuntamente coa AAVV Combarro e a colaboración do Concello de Poio, o sábado día 18 de novembro celebrarase o tradicional magosto, onde haberá castañas asadas, chourizos, pan e viño para os asistentes.
Dita actividade terá lugar a partires das 18:00 h. na pza. da Chousa onde se intslará unha pequena carpa. Haberá ambientación musical coa participación da A.F. Os Berberechiños polos rueiros da vila e posteriormente na carpa e seguirá a festa coa actuación do grupo de cantos de taberna  "Canta nas Croas" na propia carpa.

Directiva de cookies

Este sitio utiliza cookies para el almacenamiento de información en su equipo.

¿Lo acepta?