GALERÍA  PINTURAS - CUADROS 

Petróglifos do Xuviño

Tipo de ben: Petróglifo /Estación de arte rupestre,

Concello:      Poio
Parroquia:      Combarro
Lugar:         Xuviño
Outra denominación do ben:  Laxe do Xubiño, Petróglifos de Xuviño, Petróglifos de Xubiño, Petróglifos de Esperón
Cronoloxía:      Idade do Bronce,
Descrición:

Conxunto de penedos (6 laxes) situados nun eucaliptal. Trátase dunha laxe alargada en dirección Norte-Sur. Conserva varios motivos: destaca unha combinación circular de gran tamaño moi erosionada e acaroada a ela un reticulado con similares sucos. Outros motivos distribúense en distintas laxes: cazoletas illadas ou unidas por trazos, círculos sinxelos e zoomorfos (na actualidade outubro de 2010) que non son visibles por mor da vexetación.

Está catalogado no PXOM do concello de Poio do ano 2000, na sección de Arqueoloxía co nº 14.

Fotogrametría: Propiedade:   Descoñecida
Uso actual:     Forestal
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben:   Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

SOBRINO BUHIGAS, R., "Corpus Petroglyphorum Gallaeciae", 1935, Seminario de Estudos Galegos, figuras 147, 150, 152 e 153.

GARCÍA ALÉN, A. e DE LA PEÑA SANTOS, "Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra", 1980, Fundación Pedro Barrié de la Maza. Páx.99, ISBN 84-85728-04-1

Afecións:

Ten camiño de acceso?:     Non
Está cuberto de maleza:     Si
Está afectado por algunha obra:    Non
Estado de conservación:     Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:      Sí

Carece de sinalización. Sitúase nun eucaliptal e atópase cuberto pola vexetación. O lume e os traballos de aproveitamento forestal con maquinaria semellan os principais perigos deste xacemento.

Joaquín Pintos

( 1881 - 1967) Fotógrafo pontevedrés, comezou a traballar no ano 1894 como aprendiz de Francisco Zagala e posteriormente nos estudios de Atienza, Carames e Carlos Fuentes. Os dezaoito anos monta o seu propio estudio na rúa Michelena. Participa na Exposición Rexional de Santiago en 1909 cunha reportaxe sobre un hotel- balneario do que se editaron postais. Máis tarde faría outras de temática variada. Pintos era un home participativo na sociedade pontevedresa, gustaba da música e do deporte. Participou nas revistas ilustradas "Galicia Moderna" e " Vida Gallega" e traballa en varias publicacións como corresponsal dos principais eventos sociais da provincia. Coa obra "Gitana" acadou a medalla de ouro no Primeiro Salón Internacional de Fotografía celebrado en Madrid no ano 1921. Tamén foi premiado por un traballo de fotos sobre o libro Aires da Miña Terra de Curros Enriquez. En 1929 as súas fotos participan en Bos Aires xunto coas de Luís Ksado nunha mostra de pintura galega
Pintos foi un retratista formidable de mulleres, sendo a súa máis grande especialidade pero tamén retratou a Castelao, Quiroga, Montero Rios etc. Pintos fotografía a visita da raíña María Cristina e o seu fillo Alfonso XIII a Marín, a do Rei en 1927. a do presidente Alcalá Zamora, etc... Da época da Guerra Civil fotografía desfiles, mitins, orfos e enterros e fai reportaxes sobre as minas de wolfran de Silleda ou dos frades mercedarios do concento de Poio, as inundacións de Padrón e diversos aspectos costumistas do rural e do mar de importantísimo valor etnográfico.
No 1949 nun concurso da revista madrileña " Sombras", Joaquín Pintos e considerado o mellor fotógrafo de España.

Francisco Llorens Díaz

(A Coruña 1874-Madrid 1948),

Profesor, pintor e debuxante, está considerado como o primeiro paisaxista galego da Historia da Arte.
Compaxinou a súa carreira comercial cos estudos na Escola de Artes e Oficios de A Coruña, onde foi alumno do pintor de escenas castrenses Román Navarro. Decidido finalmente pola pintura, a Madrid, para acudir á Escola de Belas Artes de San Fernando, sendo alumno de Carlos de Haes. Completou a súa formación no taller de Joaquín Sorolla, entre 1863 e 1927. Despois viaxou a Roma, Bélxica, Holanda e París, onde quedou seducido por Cézanne e os impresionistas. O seu regreso, instalouse en A Coruña, participando nas Exposicións Nacionais de Belas Artes. A Guerra Civil sorprendeuno en Madrid e trasladouse a Valencia co Goberno republicano. Ao finalizar a guerra, alternou a súa residencia entre A Coruña e Madrid, onde foi nomeado, en 1943, académico numerario da Real Academia de San Fernando. Tamén foi socio de honor da Academia de Belas Artes e da Real Academia Galega. Hai obras súas en diversas institucións e museos galegos. Faleceu o 11 de febreiro de 1948 en Madrid, onde foi soterrado xunto a súa dona, mais os restos de ambos foron trasladados posteriormente polo concello de A Coruña ao cemiterio de San Amaro.
A finais da primeira década do século pasado foi cando pasou unha tempada na ría de Pontevedra e a esta época pertencen "Os hórreos" ,"Unha moza de Combarro" e "O cristo da Renda"; estás dúas últimas adquiridas pola señora de Arce, unha distinguida dama arxentina.

Luís Pintos Fonseca,

nado en Pontevedra o 26 de xaneiro de 1906 e finado na mesma cidade o 25 de xullo de 1959, foi un pintor e gravador galego.
Iniciou a súa formación con Eduardo Rojas e con Carlos Sobrino Buhigas e Castelao, que estimulou o seu interese polo gravado. Colaborou como debuxante na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (1923-1926), e en 1924 ilustrou Seara de Herminia Fariña e Os nenos (1925) de Filgueira Valverde. Empregou a linoleografía nas súas ilustracións para os xornais Galicia. Diario de Vigo e Faro de Vigo. Foi bolseiro da Deputación de Pontevedra e formouse durante tres anos na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. En 1929 instalouse definitivamente en Pontevedra, onde exerceu como docente desde 1931 na Escola Normal e na Sociedade Económica de Amigos do País. Ilustrou as revistas Cristal, Logos, Spes e Aturuxo. Vinculado ao Partido Galeguista, participou nas campañas de apoio ao Estatuto de Autonomía de 1936, para o que realizou un cartel propagandístico.Durante a Guerra Civil Española refuxiouse no mosteiro de San Xoán de Poio, onde comezou a carreira eclesiástica, ordenándose en 1947. Influído por Carlos Sobrino, realizou excursións pictóricas en busca de novos motivos para as súas pinturas. Traballou tamén na realización de estampas, cunha certa tendencia á art déco. Entre 1944 e 1945 ilustrou a Guía Anuario de Pontevedra e as revistas Finisterre e Sonata Gallega.Inscribiuse no ámbito da pintura paisaxística de tradición romántica. A súa obra caracterízase pola preocupación polos efectos lumínicos e atmosféricos a calidade e a importancia do debuxo e a ausencia de figuras humanas. A partir dos anos cincuenta dirixiuse cada vez máis a representar o eu interior, aínda que sempre a través da paisaxe, sendo moi meticuloso na realización.

Alfredo Souto Cuero

nado en A Coruña 1862. Cursou estudos xurídicos e accedeu á maxistratura, que exerceu en Pontevedra, Sevilla e outras cidades de España. Alternou seus estudos de leis cos da pintura na Escola Superior de Pintura e Escultura de Madrid. Foi discípulo do pintor, temén coruñés, Román Navarro.
Concurre as Exposiciòns Nacionais de Belas Artes, nas que consiguiu condecoracións nas de 1899 e 1901, e terceiras medallas nas de 1892 e 1895, sempre con paisaxes dos lugares onde reside pola súa condición de maxistrado.
Ocasionalmente resideu en Lugo e en A Coruña, e dende 1920 en Sevilla. O seu rastro perdese nos últimos anos de súa dilatada vida. Falece en Sevilla en 1940, cando seu fillo Arturo Souto Feijoo, o máis grande pintor da Galicia contemporánea, atópase exiliado en México como consecuencia da guerra civil.
La obra de Souto Cuero atópase en museos de Galicia e de outras cidades de España, así como en importantes coleccións particulares. Son notables a Paisaxe de Cañotas (Museo Provincial, A Coruña), así como o Retrato de Antonio Cánovas del Castillo (Casa Consistorial, Vigo).

Xaime de Sousa Guedes Pacheco,

nado nunha aldea da Serra da Estrela, formárase como fotógrafo no estudio do seu irmán en Ourense.
Pacheco foi correspondente de Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, ABC, Blanco y Negro, Cifra, Marca... colaborou, así mesmo, con Vida Gallega e con P.P.K.O. editor de Vigo a través de un siglo (1922) e Vigo 1927, sendo da autoría de Pacheco a maioría das fotografías publicadas nestes dous libros.

No ano 1870 chega a Vigo o italiano Felipe Prósperi Cortechi. Unha vez nesta cidade deixará o teatro para establecer unha galería fotográfica.
No ano 1884 trasládase á rúa do Príncipe. Morre en 1899, pasando a dirixir a galería a súa muller, que se asocia en 1907 con Xaime Pacheco. En 1915 pasa a ser propiedade exclusiva de Xaime Pacheco.
Xaime Pacheco encárgase fundamentalmente do traballo de estudio, máis considerado socialmente que o realizado no exterior. Do traballo realizado no exterior encárgase, durante as décadas dos vinte e trinta, o seu sobriño Horacio, que chegara a Vigo aos quince anos. Fotografa desde as diversas rúas e edificios modernistas da cidade ata a vida política nos tempos da República e da Guerra Civil. Coa súa cámara vai ás Illas Cies ou sobe ao avión "Marabú" que o marqués de Quintanar trouxera a Vigo para fotografar Vigo desde o aire. Despois da Guerra Civil realiza gran parte da fotografía tomada fóra da galería Xaime Pacheco, fillo, quen durante a súa estancia na guerra fixera diversas reportaxes como membro do gabinete fotográfico de "El Cuerpo del Ejército de Galicia".
O traballo do estudo Pacheco non só se limita a cidade de Vigo, senón que tamén realizan reportaxes fóra da cidade como o realizado na romaría da Virxe da Franqueira. Amoedo aínda recorda hoxe que para algúns desprazamentos tiñan que saír a véspera, como aquela voda que foron fotografar ás Neves cando había un metro de neve.
No ano ano 1954, aos setenta e seis anos de idade, morre Xaime Pacheco quedando á fronte do estudio os seus fillos Alberto e Xaime, que morrerá no ano 1981.

A CUNA DA MOURA

Tipo de ben:    Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural,

Concello:     Poio
Parroquia:   Combarro (San Roque)
Lugar:    Outeiro Grande
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Bronce,
Descrición:

Pía natural asociada a mitos da cultura tradicional. É de forma ovalada cun desaugadoiro na súa base. Está situada no alto dun outeiro rochoso.

Dis que os pastores non hai moito tempo, deixaban viandas na cuna en espera de recibir agasallos das mouras.
Referencias bibliográficas:

APARICIO CASADO, Buenaventura. "Arqueología y antropología cultural de la margen derecha de la ría de Pontevedra" Servicio de publicaciones da Diputación de Pontevedra. Pontevedra, 1989. ISBB: 84-86845-33-5. Páx. 166.

Julio Prieto Nespereira

(Ourense, 7 de decembro de 1896 - Madrid, 5 de agosto de 1991) foi un pintor e gravador galego. Fundou xunto con Vicente Risco e Otero Pedrayo, entre outros, a Coral Ruada. O mesmo Otero Pedrayo escribiu a súa biografia.
Realiza a súa primeira exposición de pintura ó óleo en 1912, na súa cidade natal. Chegou a Madrid en 1917 ,onde recibe clases de Álvarez de Sotomayor. Colaborou en revistas galegas como Alfar e Nós.
Dende 1922 centraría o seu traballo na técnica do gravado, que lle reportaría grandes éxitos en todo o mundo. Prieto Nespereira, coñeceu o gravado na obra de Bramguym e continuou a tradición figurativa iniciada por Castro Gil; non é ata 1955 cando evoluciona á pintura abstracta , ata entón o seu estilo era barroquista e figurativo, conseguindo numerosos premios e galardóns internacionais. En 1966 presenta por primeira vez as súas famosas series,« Hombres de mar», «Mujeres del campo gallego» e «Peces rotos», nunha exposición antolóxica do Museo de Arte Moderno de Madrid. Presidiu a Asociación Española de Artistas Gravadores e impartiu clases na Escola Nacional de Artes Gráficas. . O Museo Provincial de Lugo dispón dunha sala monográfica do artista e a cidade dedicoulle unha rúa. O Museo Municipal de Ourense desenvolve a función de conservación e custodia da maior parte da obra do artista. Foi nomeado fillo predilecto da cidade de Ourense en1984 e fillo adoptivo da vila de Pontedeume en 1986.

Manuel Arís Torres

naceu en Poio o 26 de setembro de 1920, os nove anos emigra cos seus pais a Montevideo, fai estudos de torneiro e colabora no Centro Galego.Coñece ó cineasta uruguaio Daniel Spósito Pereira colaborando na realización de dúas películas: El pibe Carlitos (1950) e El desembarco de los treita y tres orientales (1952). Entre 1952 e 1973 coordinará o programa de radio " Por los caminos de España". Elabora documentais realizados nas viaxes a España e Galicia que terán grande éxito na poboación emigrante de Uruguai e Arxentina.Ten catalogadas preto de cincuenta documentais relacionados con Galicia. Os máis importantes son: CAMINO DE ESPAÑA EN EL URUGUAY(1954-1959) recolle actividades festivas dos emigrantes galegos en Montevideo, UN VIAJE POR GALICIA (1953-1958) guía audiovisual polas catro provincias con festas, romarías e espectáculos incluídos, POR LOS CAMINOS DE ESPAÑA (1959) escenas mariñeiras e agrícolas e vistas de distintas vilas comezando por Galicia e continuando por diversa provincias españolas, TIERRA DE NUESTROS MAYORES (1959) a película e un semidocumental, pois conta con varias escenas interpretadas por Amalia Sánchez Ariño e por Francisco Fernández.Ten como sipnose a chegada de América do fillo rico co obxecto de visitar a súa nai na Galicia, feito adornado con imaxes de paisaxes e vilas. O Concello de Poio fixo unha homenaxe a Manuel Arís consistente na proxección de dúas películas os días 10 e 11 de agosto de 1997.

Manuel Abelenda Zapata,

( A Coruña 1889 - 1957 )
Nado nunha familia moi humilde e iniciouse en traballos artesanais antes de entregarse á pintura; os únicos estudos relacionados con esta arte fíxoos na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal a partir de 1903, na que pronto destaca e obtén os modestos premios da época. Cun complemento económico concedido polo Concello da Coruña e mais a Deputación Provincial viaxa en 1909 a Madrid, onde se integra nos ensinos do Círculo de Bellas Artes. En 1913 viaxa aRoma para estudar na Academia de España, como bolseiro da Deputación, pero regresa a España ó ano seguinte.
En 1923 casa con Obdulia Freire Mariñas, unha moza de Perillo (Oleiros), onde fixará a súa residencia ata o momento da súa morte.
A partir deses anos realiza numerosas exposicións en cidades galegas (A Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago etc.), Madrid e Barcelona, sendo considerado pola crítica da época un dos primeiros intérpretes da paisaxe galega. Novamente, cunha bolsa da Deputación coruñesa, viaxa a Italia, Suíza e Francia en 1930.
A Guerra Civil sorpréndeo en Madrid, onde se atopaba opositando a unha cátedra de profesor de debuxo, e permanece en Madrid ata 1939, data na que regresa á Coruña.
Continúa participando con éxito en diferentes exposicións (Vigo, 1940; Madrid,

1941; Barcelona, 1942; Oporto, 1942; Bilbao, 1945 etc.) e recibe terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1943, polo seu cadro Mañana de octubre desde mi estudio. É nomeado académico de número da Academia Provicial de Belas Artes da Coruña (1941) e académico correspondente da Real Academia Galega (1946).
En 1957 morre repentinamente na súa casa de Perillo.
A súa obra móstrase en Europa e América, de feito, en museos de Sudamérica figuran obras súas, así como no de Arte Moderna de Madrid e nos de Galiza.
Abelenda foi por completo alleo a todas as innovacións europeas do seu tempo. Pola contra, apegado á paisaxe da súa terra, interprétaa con modos técnicos emparentados co impresionismo e cun sentimento lírico intimista, de raíz literaria.

José Ortiz Echagüe,

( Guadalaxara 1886 - Madrid 1980 ), foi un enxeñeiro militar, piloto e fotógrafo español.
No campo da fotografía artística é quizais o fotógrafo máis popular e un dos máis recoñecidos internacionalmente. En 1935 a revista American Photography considerouno un dos tres mellores fotógrafos do mundo. Algúns críticos considérano o mellor fotógrafo español ata o momento, o cal é máis meritorio porque a fotografía foi unha afección á que dedicaba intres libres, especialmente os fins de semana e durante as súas viaxes. Desde o punto de vista artístico e pola súa formación e temática poderíaselle considerar o representante da xeración do 98 na fotografía
. Adóitaselle encadrar dentro da corrente fotográfica do pictorialismo, sendo o mellor representante do chamado pictorialismo fotográfico español, aínda que esta denominación non lle gustaba a Ortiz Echagüe. A súa obra fotográfica enfocase cara á plasmación dos caracteres máis definitorios dun pobo: os seus costumes e vestimentas tradicionais e os seus lugares. Consegue expresar coas súas fotografías unha expresión persoal máis próxima á pintura, case sempre mediante efectos durante o positivado.
El mesmo fixo unha clasificación das súas obras ao agrupalas en catro libros: Tipos y Trajes (1930), España, Pueblos y Paisajes (1939), España Mística (1943) e España, Castelos y Alcázares (1956). A estas coleccións débense engadir outras dúas series: Marruecos e fotos familiares.

Manuel Castro Gil,

nado en Lugo o 20 de xaneiro de 1891 e finado en Madrid en 1961, foi un gravador e pintor galego.
Fillo do arquiveiro do concello de Lugo, iniciou os estudos de debuxo como alumno de Manuel Fole. En 1907 trasladouse a Madrid para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, grazas a unha bolsa lle concedeu a Deputación de Lugo. Na Escola de San Fernando foi discípulo de Ferrant, Vera, Muñoz Degrain e Moreno Carbonero. Recibiu leccións de gravado de Carlos Verger e Esteve Botey. Colaborou en publicacións periódicas da época como Blanco y Negro e La Esfera. Asistiu aos parladoiros literarios de Valle Inclán e Ramón Gómez de la Serna. Participou na Exposición Rexional de Galicia de 1917 con varias paisaxes ao óleo. Ingresou no cadro de persoal da Fabrica de Moeda. A Junta para Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa para viaxar a París, onde realizou unha exposición. Obtivo a medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1930. Expuxo en Nova York, México, A Habana, Buenos Aires. Foi director artístico da revista Galicia en Madrid. En 1934 foi nomeado profesor da Escola Nacional de Artes Gráficas, Galipedia.

celebración dos Magostos, UNHA ANÁLISE

1.- O ciclo do ano ven espallado de celebracións festivas de carácter popular que son peculiares. Se trata de celebracións cíclicas por canto se veñen repetindo tódolos anos dun xeito semellante. Son as principais as celebracións de O Nadal (Aninovo e Reis), O ciclo do Entroido, A Coresma, Os Maios, A festa de San Xoán, O ciclo festeiro do Verán (festas relixiosas patronais e festas de colleitas), O ciclo de Outono coas festas do Magosto e da Matanza. Outras festas de carácter familiar e local de menor entidade, se meten ó longo do ano entre as nomeadas máis enriba.

Se trata sempre de celebracións festeiras nas que os cidadáns teñen por costume poñer un énfase especial; e non nos cabe dúbida que un coñecemento da realidade socio-cultural galega pasa polo estudo das mesmas, de como os cidadáns as preparan e as viven. Os nosos labregos pasaban as horas comentando o máis salientable da celebración que pasou mentres agardan con ilusión a que vai vir, na que non lles vai faltar gañas de renovala diversión con máis intensidade que na derradeira edición.

Unha destas celebracións populares que continúa mostrando unha raigame especial, sobre todo no marco xeográfico ourensán, é a Festa do Magosto, á que aquí me vou referir.

Os magostos se realizan ó remate do ciclo anual, xusto antes do empezo das celebracións de A Matanza, principal xeito de autoabastecerse de carne nos fogares campesiños. A celebración dos Magostos aparece ciclicamente como a forma máis típica que os galegos temos de ensalzala castaña, alimento básico que foi até a entrada da pataca americana.

2.- A autóctona castaña é a verdadeira protagonista da celebración tradicional. A tradición popular nos constata non só ese protagonismo, senón o momento en que máis o é, especialmente no cantar:

"Acabáron-se as vendimas
e veñen as esfolladas
para comer coas mozas
catro castañas asadas".

No pequeno segmento da tradición oral, se atopa recollido a tempada do ano na que se deberán celebrar Santos, aínda que se prolongue por toda a primeira quincena de Novembro o paréntese festeiro admitido popularmente para estas celebracións.
Certamente que os Magostos nos mostraban o sentido máis pleno naquela vella sociedade predominantemente campesiña e agropecuaria, que está a piques de rematar.

Nestas datas de Outono, os labregos da vella sociedade rural xa teñen ben almacenada a colleita de millo nos hórreos e canastos do fogar, e na ADEGA doméstica as pipas cheas de viño novo. Agora están metendo nos Sequeiros de castañas este froito do castaño que rematan de apañar nos soutos do lugar. As colleitas do ano foron boas como se esperaba e os paisanos observan contentos o froito dos cultivos de cereais, os sequeiros de castañas, e os moios de viño no lagar, cós que pasar con fartura o resto do inverno. A vida vaille ben e se pode celebrar consumindo colectivamente a castaña, protagonista da derradeira recolección, acompañándoa coa proba do viño novo que xa serve para beber.

3.- Se facemos caso á tradición oral, ben pouco se precisa para celebrar un verdadeiro magosto: basta con xuntarse varias persoas para asar e comer castañas acompañadas duns grolos de viño canto máis bo mellor. Persoas, castañas, e viño abundante son, polo tanto, os tres elementos necesarios e suficientes para a conmemoración dos máis enxebres e autóctonos magostos.
A partir disto que nunca pode faltar nun magosto popular, todas as demais viandas e licores que agora se asocian á paparota ben vidas sexan, e se fai frío no lugar do cerimonial culinario, mesmo se lle podería engadir ó viño, algo de azucre ou mel para que quente os corpos e saiba mellor ós que non acostuman beber. Así tamén lle facemos caso a este outro vello dito popular:

"Pra quitalo frío

e fartarte ben

podes comer castañas e viño morno con mel".

A nivel de rural e da vecindade, esta sinxela cerimonia étnico local se levou a cabo a miudo, perante a tempada da recolleita e seca das castañas nos sequeiros de castañas, unhas instalacións preparadas para a seca deste fruto que os veciños disponen nas propias casas, nas aldeas, e mesmo sobre os propios soutos de castaños. As veces alguén das familias ían vivir a eles por algúnha tempada mentras se adicaba a recolle-las castañas, secalas e clasificalas antes de se utilizare na alimentación humán e dos animais domésticos. Mentras se levaban a cabo todos estes labores, a miudo se xuntaban mozos e mozas para facer fiadeiros e paparotas que ían desde come-las castañas asadas con viño, até chourizos envoltos en berzas, e en papel de estraza e asados na cinsa quente, ou mesmo cocidos nunha potiña con viño branco. Estou seguro que saberían que daría gloria mascalos. Despois, por suposto, continuaría a troulada aldeán a miudo baixo a atenta vixilancia das velliñas do lugar.

4.- ¿Que tentan comunicarnos estas celebracións xeneralizadas do Magosto, ó conxunto dos cidadáns que participan neles e demais membros integrantes da sociedade tradicional?

Eís no que segue algúns dos mensaxes que esta vella sociedade parece querer trasmintir por medio da arraigada celebración tradicional. Podemos empezar por este que parece estar relacionado co día principal da súa celebración, que a nivel xeral ven sendo o 1 de Novembro: "Día de tódo-los santos".

Que os magostos se veñan celebrando neste día tan siñalado pode que non obedeza á casualidade, senon a que se trata duna xornada festiva e, polo tanto, na que a xente ten tempo para se xuntar; en segundo lugar se trata dun día no que a maioría das recolleitas de castañas xa están feitas, ou se están rematando de facer. Pero do que realmente se trata coa institucionalización da celebración, neste día tan sinalado, é de lembralle a todos aqueles membros da localidade que teñen soutos con castaños sen rematar de recoller, que se den presa en facelo se non queren que lle lo fagan aqueles vecinos que non teñen a sorte ter soutos de castaños en propiedade.

A partires dese día "oficial" do magosto xa estes máis probes da aldea ou da parroquia, quedaban autorizados a entrar nos soutos, e facer unha segunda recolleita sen que os propietarios os poideran castigar, denunciar, etc.

Estamos, pois, diante unha forma moi intelixente de lembralle ó pobo desde cando o que existe na aldea pertece ó común máis que ó particular. Pero se agora nos paramos a observa-lo modo de cómo se viñan desenvolvendo os Magostos que se celebran en cada aldea e parroquia rural, durante esa xornada anual adicada á celebración, se poden chegar a descubrir unhas peculiaridades novas, que tamén son portadoras de contidos e mensaxes culturais que os participantes trasmiten inconscentemente a tódolos demais ausentes na celebración.

Desde esta perspectiva, os Magostos tamén nos aparecen como un mecanismo que utiliza o pobo para seguir conservando e trasmitindo aquelo que cree debe perdurar, por detrás das apariencias externas, é alén da propia comensalía festeira. Neste aspecto, a importancia da celebración dos Magostos se atopa máis no que non se observa a primeira vista, que naquelo que todos vemos no espacio da celebración popular.

Tentarei de me expricar subliñando a este respecto, que dunha mirada atenta da festa popular, do proceso de desenvolvemento do Magosto, dos comportamentos que obxectivan os participantes, dos espacios variados nos que se veu levando a celebracións, etc., da observación e análise de todo esto é fácil deducir outra serie de mensaxes culturais que a festa proxecta para quen os saiba descifrar, e, tamén, esa lección que mediante o desenvolvemento da festa o pobo imparte, mesmo sin ser conscinte, sobre os fundamentos da maneira de ser, sentir, e vivi-la nosa galeguidade. En efecto, a pouco que un se fixe no proceso dun Magosto tradicional poderá comprobar como dita celebración se atopa perfectamente marcada e delimitada por unhos tempos e espacios concretos, por unhos controles e normas de acción específicas e, polo demais, ben adaptadas ó contexto da comunidade campesina que os está a celebrar. De outro lado, calquera celebración do magosto popular se presenta con unha forte capacidade de vencellamento entre os membros que participan nel, pero ó mesmo tempo coa forza capaz de separa-los das restantes categorías de membros que non se deixan formar parte da comensalía étnico-grupal.

Dou por suposto que no transcurso da vida, quen estea lendo esto, terá participado alomenos en dous tipos de magostos: de pequeno, na celebración dos chamados "Magostos de nenos" ou magostos infantís; de xoven na dos ditos "magostos de mozos", que son os que fan os xóvenes e adultos da comunidade. Pois se atendemos ben ó que alí ocorre, pronto nos damos conta que os membros participantes en cada un destes magostos -infantís e adultos- están facendo algo máis que comer, beber, e se divertir a pracer. Tamén se están sentíndo parte integrante dun grupo de idade diferenciado do outro, e sabéndose compoñentes dunha categoría concreta de persoas coas que conta a comunidade.

Deste feito se desprende que o Magosto compartido, xungue ós seus participantes para mellor diferencia-los dos demáis componentes da comunidade, e que aquél que saia dun "magosto de nenos" para entrar nun "magosto de mozos", está facendo algo máis que cambiar de lugar de celebración. Eses actos de saír e de entrar, implican sobre todo a decisión de deixa-lo mundo, tipos de comportamento e mentalidade infantís, para se mergullarno mundo, comportamentos mentalidade da poboación adulta da comunidade, con todas as implicacións e consecuencias que elo traerá consigo. É desde esta perspectiva que se pode entende-la celebración do magosto tradicional, como un auténtico ritual social que a sociedade tradicional dispón para mostralle ós membros o lugar que ocupan no seo da propia estructura social.

Pero aínda hai outro aspecto na celebración dos Magostos tradicionais que me gustaría destacar aquí. Me refiro a aqueles tipos de magostos que en moitos povos se levan a cabo arredor das Igrexas, ou ceminterios e adros parroquiais o "Día de tódo-los Santos".

O sentido sacro do espacio donde se decide ir facer-lo magosto e o sentido simbólico que conleva esta comida agraria son evidentes. Tamén o é a lección que se nos quere explicar por medio destes magostos celebrados en tan escollido lugar, e que podería sintetizar decendo que se trata de reintegrar na festa, anque dunha forma simbólica, a todos aqueles membros da comunidade que xa non poden participar físicamente porque se teñen ido para sempre.

Velaí como por medio destas celebracións populares do Magosto en espacios cargados de sacralidade e simbolismo, se tenta facer partícipes a todos: vivos e mortos da comunidade. Non coñezo unha forma mellor de vencellar ás trouladas dos vivos os mortos da comunidade local, que esta de ir levarlles a festa a ese espacio tan simbólico e cargado de sacralidade. Pero tamén é o mellor modo de deixarnos claro ós demais, que no máis profundo do noso espirito permañece sempre fortemente enraizada esa nostálxica lembranza dos xa falecidos.

5.- Mediante un achegamento ós nosos Magostos como o que propoñemos, se comprende como esta ancestral celebración popular serve, ó tempo que para pasalo ben e para sentir-se membro dunha categoría de idade distintiva, tamén para lembrar ós que participan na comensalía, que nen siquera naquelas gozosas xornadas festivas caracterizadas polo bó comer, beber e vivir, que se distribúen ó longo do ciclo anual de traballo, os galegos somos capaces de eliminar do noso espirito esa nostálxica lembranza que conservamos de todas aquelas persoas, familiares e amigos, que xa non están entre nós.

A celebración do Magosto que tódolos anos nos visita, o fai como algo máis que un acto culinario e de divertimento popular. Tamén se achega a nós con ese colorido festivo, creativo e típicamente popular, para por medio dél, lembrarnos a tódolos membros da sociedade que estamos a revivir, consciente ou inconsciente, uns espacios e situacións sociais e relixiosos cargados de sentido e significado cultural específico, e para contribuir a conservar e a trasmitir toda esta serie de rasgos propios da nosa cultura popular observados, entre os que este da "comensalidade" galaica que aflora en calquer momento anual, se aprecia como un típico mecanismo reforzador dos nosos valores e sentimentos étnicos.

( Xosé Antón Fidalgo Santamariña )