SAN ROQUE DE COMBARRO
PARROQUIA SAN ROQUE DE COMBARRO
Igrexa parroquial San Roque
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Poio
Parroquia: Combarro (San Roque)
Lugar: Combarro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
Igrexa de mediados do século XVIII con planta rectangular e cuberta en carpintería de madeira e tella a dúas aguas. Fachada lisa con porta e fiestra alintelada e rematada en dous pináculos nos extremos e unha espadana central de dous corpos. Tendo o inferior dous ollos con arcos de medio punto ocupados polas campás. Conta ase mesmo con dúas xanelas e unha porta lateral.
Conta cun único retablo de estilo neoclásico con cinco ocos coas imaxes de, de esquerda a dereita, San Antonio de Padua, San Xosé, Sagrado Corazón, San Roque con atributos de Peregrino e San Sebastián. Nos muros laterais conta tamén con Virxes María con diferentes advocacións e unha Santa Rita.
A iglesia parroquial de San Roque, no centro do pobo, é un edificio de factura sinxela. É dunha soa nava, típico da arquitectura relixiosa dos pobos mariñeiros. Xa existía no 1607, catalogada como "ermita de San Roque" polo Cardeal Jerónimo del Hoyo. A igrexa actual xurdiu dunha ampliación feita entre 1797 e 1835, cando Combarro voltou, no ámbito eclesiástico, a dependencia do mosteiro de Poio. A igrexa primitiva tiña un pequeno porche na súa entrada.
O seu retablo, síntese do barroco tardío con elementos neoclásicos, ten tallado na súa parte central un escudo da Coroa de Castela, froito da vinculación de Combarro có Mosteiro de Poio, o carácter benedictino dos seus monxes e a que éstes estaban ligados dende o século XVI, en Galicia, á Congregación de Castela, con sede en Valladolid.
Os veciños de Combarro nunca se atoparon satisfeitos coa súa dependencia do curato de San Xoán de Poio. Era moi antiga a súa aspiración á constituirse en parroquia independente. Como é lóxico, o Mosteiro de Poio opoñíase a esta desmembración.
A actual igrexa parroquial do pobo de Combarro, antes da súa creación como parroquia independente de San Xoán de Poio, era unha Capela dedicada, como hoxe, ó glorioso San Roque, sendo polo tanto Combarro un lugar máis da parroquia do anteriormente mencionado San Xoán de Poio. Había, ademáis, a Cofradía de San Roque, segundo o refire o Padre Mauro Aparicio no seu libro "Directorio de los Padres Curas de San Juan de Poyo".
Con data 17 de xuño de 1787, D. Luis Muñoz y Guzmán, facendo a inspección de mariña, pasou, en virtude das queixas dos veciños de Combarro, unha carta de oficio ó P. Abade na que dicía: "que los marinos de Combarro, unidos a los terrestres, piden que se les ponga misa en Combarro y que se les dé más de cerca el parto espiritual, y que no condescendiendo con petición tan justa diera parte a la superioridad...". Cando voltou o P. Abade, que estaba fora, estimou este asunto coma alleo dun inspector de mariña e contestando ó mesmo conforme a "la estimación que hizo de la carta". O P. Abade remitiu ó Procurador de Corte unha copia da carta que lle escribira o inspector "previniendo estuviese a la vista". Asemade, o P. Abade mantivo unha reunión co Sr. Arcebispo, a quen lle dixo que poría en Combarro monxe que lle dixese misa e administrase os sacramentos ós enfermos. Con esta providencia, quedaban calmadas as queixas. Pero o Arcebispo non quixo acceder a dita proposta..
O 4 de Nadal do 1788, a súa Ilustrísima comisionou a D.Manuel Parcero, presbítero e avogado, quen despois de tomar razón dos diezmos de viño e grao, e tamén dos réditos de estolo que podía dar de sí o lugar de Combarro e Chancelas, que foron os que no primeiro Memorial pediron cura, presentouse no lugar de Combarro para demarcalo territorio da pretendida parroquia, citando ó Procurador da feligresía e do Mosteiro. Éste protestou e aquél non se presentou, polo que tivo que ser suspendida a demarcación. Finalmente, o 30 de xaneiro de 1789, fixáronse os "Mojones" para facela separación de parroquia, comprendendo nela non só Combarro e Chancelas, senón tamén Cidrás, Xuviño e Armada.
O día 30 de xuño do 1792 tomou posesión D.Manuel Novoa Fontán có título de Cura-ecónomo da parroquia de San Sebastián de Combarro. Así, temos unha nova parroquia, pero xurden dous problemas irreconciliables. A parroquia dos vivos estaba dividida e a dos mortos, separada. Outros problemas son: soster económicamente o Templo e tamén ao párroco. Os funerais e os enterros xeraban continuos conflictos e as confrarías de Combarro redúcense a tres (Renda, San Roque e Ánimas) e con pouca vida. Ante semellante situación o párroco deixa a parroquia. Tan só estivo nela cinco anos escasos.
O 4 de novembro de 1794 nomean un novo párroco na persoa de Gregorio García Rajóo. Non tivo maior sorte: só estivo dous anos escasos. Elixen un terceiro na persoa de Alonso Villar o 27 de xuño de 1796, pero éste apenas se achegou a Combarro ao descubrir que todo ó proceso fora falsificado manipulando ó pobo pouco enterado nestas lides.
Esta desmembración foi tan de raíz e absoluta que non quedou nen memoria nen recoñecemento de que a nova parroquia fose desmembrada do Mosteiro e parroquia de San Xoán de Poio. Neste intre e dende a curia diocesana o 10 de abril de 1796 sentencian: "después de los lances y recursos...a pesar del decreto de erección...lo dexan sin efecto en tods sus partes...Declaran no haber habido, ni haber lugar...la erección de dicha nueva parroquia".
Outra medida prudente sinalada polo cura de Poio foi que os libros de bautizos, matrimonios e defuntos, xuntamente cós das confrarías existentes, se pechasen e non fosen usados máis. Neles constátase o primer bautizado de Combarro (22 de agosto de 1792), derradeiro bautizado (21 de xullo de 1797); primer casamento (21 de agosto de 1792), derradeiro casamento (21 de xuño de 1797); primer pasamento (2 de setembro de 1792), derradeiro pasamento (20 de xullo de 1797).
A nova parroquia de San Sebastián de Combarro, rexida por un párroco secular, únese novamente á de San Xoán de Poio no ano 1799 coma "anejo" e pasou a ser rexida por un vicario benedictino dende o mes de maio dese mesmo ano e así continuou por espazo duns setenta anos.
Consecuencia do novo arreglo parroquial do ano 1867 foi desmembrada definitivamente do Mosteiro de benedictos de Poio e foi creada a nova parroquia co título que tina o titular da capela, San Roque, e cuberta con párroco secular no ano 1868. O texto di: "Combarro, San Roque, parroquia de nueva creación, desmembrada de Poyo, que se habrá de componer de las aldeas siguientes: Cidrás, Juviño, Pereiro de Abajo, Pereiro de Arriba, Esperón, Vilar, Armada, Casalvito, Rial y Sanchín, que componen 1450 almas, de entrada y de Real Patronato".
A Igrexa vella de Combarro - parroquial - data do século XVIII.
As devocións que contan co favor dos fieis de Combarro son, ademáis do seu patrón San Roque, a Inmaculada, a Virxe dos Dores, a do Carme, a da Renda, San Sebastián e San Antón. Esta parroquia ten unha personalidade moi marcada e conserva aínda algunas vellas tradicións.
A véspera do patrón, San Roque, báixase a imaxe da Virxe da Renda. Na estrada esperan, mentras tanto, San Roque, San Sebastián, San Xosé e San Antón abade. Recíbena facéndolle tres reverencias. Na oitava do patrón, os mesmos protagonistas acompañan a imaxe da Virxe da Renda ata a súa capela, onde a Virxe agradece tamén con tres reverencias dito acompañamento.
Era e segue sendo bastante grande a devoción a Virxe dos Dores. A razón desta preferencia atopámola nas moitas desgracias que acontecen nos portos de mar. Serve de conforto, sobre todo, para as viúvas.
Ata fai moi pouco tempo, era costume en Combarro levar ás casas unha pequeña imaxe de San Roque cando hai alguna necesidade. A súa custodia recae nunha familia pasando a garda de pais a fillos.
A virxe da Renda é unha devoción moi querida polos vecinos da parroquia. Ten esta Virxe dúas festas: a pequeña celébrase na Pascoa. A súa orixe está no descanso que os romeiros que acudían a romería das Cabezas en Armenteira (Meis) facían ó regreso na Renda. A festa principal ten lugar en setembro. Antigamente, a confraría desta Virxe era posuidora de catro ou seis vacas e co seu producto facíase a festa. Existe un hábito para os ofrecidos á Virxe da Renda, é de cor branco marfil cun cordón da mesma cor.
Cando non chovía ou, por el contrario, chovía demasiado, un veciño do Xuviño cambiaba unha tella determinada da ermita de A Renda: "está a chover demasiado, hai que despertar a Renda". Hoxe este costume, típica dos pobos mariñeiros, perdeuse.
Nas inmediacións do cruceiro de A Renda, a semellanza do que acontecía noutras capelas, recibían sepultura os nen@s que, por morrer sen ser bautizados, non podían ser obxecto de enterramento eclesiástico.
En Combarro a coñecida ceremonia da entrega do Ramo adopta, na Festa do Corpus, certas peculiariedades dignas de comentar. Dous ou tres matrimonios son os encargados coma maiordomos de preparala celebración e de coidar do Santísimo. Pola tardiña acudían os maiordomos, acompañados polos gaiteiros, á casa do señor cura. Saía o abade e dirixíanse todos a Rúa. Aquí dispoñíase un banco para que servise de sento ó cura e os maiordomos saíntes e entrantes . De seguido, os matrimonios bailaban unha jota ou unha muiñeira, facendo entrega os maiordomos saíntes do Ramo ós matrimonios entrantes. A continuación rezábase unha oración - un acto de fe - e, axiña, bailábanse outras dúas ou tres pezas.
Máis tarde, os matrimonios saíntes e entrantes facían un percorrido por tódolos cruceiros, acompañados polos gaiteiros. Nos cruceiros sentábanse uns instantes - acto que simboliza a toma de posesión do seu cargo - , e cumprido este requisito dirixíanse todos á casa do maiordomo entrante onde se agasallaba atódolos presentes con viño, rosca e outras lambetadas. Esta ceremonia tende a quedar no recordo máis recenté por mor da non celebración dende fai un par de anos, como consecuencia da desidia e desinterés dos propios veciñ@s.
O culto ás Animas, coma noutras partes, aínda se mantén. Hai persoas que soamente acoden a misa o día de Ánimas. Por outra banda, existe unha grande preocupación por prepararse a morada eterna. Cando unha persoa falecía, os seus parentes e amigos erguían o cadáver e rezábanse dous ou tres responsos. Cada veciñ@ ou amig@ - todos querían participar, ter parte - facía unha aportación e entón detíñase o cortexo fúnebre e baixábase o féretro. Percorríanse uns poucos metros e outra vez repetíase a operación e así, prácticamente, de porta en porta. Houbo ocasións en que se tardaron cinco horas en percorrer unha distancia de douscentos metros.
A Igrexa de San Roque de Combarro debe a súa existencia á necesidade de protexer o Coto de Poio das epidemias que entraban, cáseque sempre, por vía marítima.
Haz clic aquí y empieza a escribir. Illo inventore veritatis et quasi architecto beatae vitae dicta sunt explicabo nemo enim ipsam voluptatem quia voluptas sit.
MEMORIA OBRAS DE RESTAURACIÓN DA IGREXA DE SAN ROQUE DE COMBARRO
Ante a imperiosa necesidade de acometelas obras de reforma, reparación e restauración, en xeral, da igrexa parroquial de San Roque de Combarro, é dicir:
- .- Tellado
- .- Cuberta interior
- .- Retablo
- .- Paredes interiores
- .- Coro
- .- Iluminación interior
a presidencia desta Entidade mostrouse en todo momento favorable a inicialos trámites pertinentes e necesarios, así como a búsqueda de fontes de financiación que dalgún xeito fixeran posible levar adiante, cando menos, parte dos apartados antes mencionados.
A parte máis debilitada e deteriorada de todo este conxunto arquitectónico, incluido por certo no casco histórico deste noso pobo, era o Retablo do Altar Mayor, toda vez que o mesmo xa presentaba importantes irregularidades na súa estructura, a súa vez moi debilitada pola erosión da auga coma consecuencia de obras realizadas na rúa nos edificios colindantes anos atrás o que axudou a empeorala situación cunha maior progresión destructiva.
Como é lóxico e razoable, acometer primeiramente esta obra non era o máis axeitado, sobor de todo por mor da estructura que envolve ó mesmo: cuberta de tella de cemento - bóveda circular de ladrillo llaneado e blanqueado cubrindo tamén toda parede de fondo do Altar Maior - paredes interiores remendadas en distintas épocas e fases e distinto material - retablo retocado e repintado sen axustarse a súa policromía orixinal.
En evitación de males maiores acometendo unha obra que despois podería verse seriamente dañada por levar adiante outras tamén indispensables, pocedeuse o arranxo e reforma tanto do tellado coma da cuberta interior na súa totalidade e recuperando o seu estado máis primitivo: tella do país cós parámetros debidos, cuberta interior totalmente en madeira. Isto obrigou ao mesmo tempo a baixalos niveis da estructura (pinche) da parede frontal onde se ubica o retablo, así como o picado de dita parede por atoparse totalemente llaneada e pintada de cal en claro contraste co resto das paredes da igrexa.
Nunha segunda fase procedeuse a acometelos traballos das paredes interiores: picado cuidadoso das xuntas da sillería sen danar a pedra, limpeza final de tallos e de pedra eliminando manchas e vegetación, lavado das mesmas e posterior encintado e rexuntado a cal da sillería interior, coas conseguintes melloras nas fallas existentes que presentaba e facendo todo unha unidade común e armoniosa no seu conxunto.
Ao mesmo tempo e antes de inicialos traballos das paredes interiores, procedeuse a desmontaxe dunha parte do retablo así coma da caixonada por atoparse totalmente podrida como consecuencia da auga acumulada. Así pois, nesta terceira fase acometeuse a restauración do retablo, por certo foi a etapa máis longa nos traballos polo seu estado de conservación. Os traballos levados a cabo din relación a unha primeira limpeza superficial para pasar seguidamente a desinfectación con carácter preventivo e curativo. Pouco a pouco foise traballando na eliminación dos repintes, eliminación da suciedade mediante limpeza química e inciouse a fixación da policromía, aplicación do estuco e posterior desestucado, traballouse na reintegración cromática dos elementos para aplicar por último unha protección final ó mesmo. Asemade, non podemos esquecer a eliminación das ancoraxes e a súa sustitución por outras novas con maior resistencia e fortaleza, eliminando apoios con perda de consistenciae procedendo o seu saneamiento. Tamén se recuperou a caxonada, guías, niveis e aplomado da mesma, xuntamente coas portas no seu extremo oposto.
Finalmente e continuando cos traballos de mellora, acometeronse obras no Coro, tamén de madeira, en toda a súa estructura: recuperación do seu acceso tradicional, eliminación do añadido posterior voltando a ser máis corto pero moito máis funcional. Inexorablemente, a iluminación que antes era escasa cambiouse totalmente instalando pantallas e proxectores que resaltan debidamente o conxunto escultórico deste singular inmoble. Xa dentro do mobiliaro propio da igrexa fixéronse novos bancos (asientos) por atoparse os ateriores totalmene apolillados e non procedía conservalos, motivo polo que se fixeron uns novos máis pequenos pero en maior número gañando en espazo pola súa distribución en dúas ringleiras cun paseo central.
Resumindo, dun simple lavado de cara interior como se pretendía nun principio, pasouse a reforma e restauración cáseque integral, quedando para mellor ocasión cambialo solo (piso) actual de cemento de color por pedra acorde a todo o conxunto, así coma pequenos flecos nos arredores da igrexa (atrio parroquial) como son os muros e o cruceiro.
No tocante á responsabilidade adquirida por esta Entidade sobor deste conxunto de obras realizadas, os apartados asumidos e asinados pola mesma din relación a:
1.- Restauración do Retablo Maior da Igrexa de San Roque
2.- Restauración de paramentos interiores da Igrexa de S.Roque.
3.- Sustitución dos bancos da Igrexa de San Roque.
4.- Iluminación interior na súa totalidade da Igrexa de S.Roque.
Todos estes apartados correron a cargo desta Entidade e coma responsable dos contratos asinados tivo que finalmente facer frente ós mesmos mediante préstamo persoal coa entidade bancaria Caixanova, sucursal de Combarro, polo que as obras realizadas foron todas aboadas na súa totalidade.
Qué podemos dicir desta actuación feita neste conxunto arquitectónico ?:
Os resultados saltan á vista (Fotos adxunta).
Este conxunto arquitectónico (Igrexa de San Roque) presenta actualmente un aspecto no seu interior totalmente diferente ó que nos tiña acostumados tanto pola súa mellor e maior disposición dos elementos decorativos, con eliminación de tódolo sobrante, como pola armonía acadada no seu conxunto onde pedra e madeira conxugan todo o espazo nunha interrelación moito máis acorde e consecuentemente estable.
As sombras deixaron paso a luz propia da pedra e da madeira como elementos decorativos destacables, ademáis de ofrecer luminosidade, viveza, e un entorno visible interiormente tanto de xeito parcial coma total. É sobresaínte a imaxe do Retablo na súa intensidade, onde se poden apreciar aspectos e formas descoñecidas e ocultas co paso do tempo, así como a diversidade de cores que presenta e que apenas garda relación coas capas pictóricas que tiña enriba.
As distintas actuacións fixeron posible voltala vista atrás con formas que cambiaran a súa fisonomía máis primitiva.
Os cambios e melloras operados son palpables en quen visita esta Igrexa de San Roque á luz de quen a priori xa coñecía á mesma ata a data da súa restauración.